O Alzheimer podería converterse na primeira causa de mortalidade en dez anos

 

 

O Alzheimer é, na actualidade, a terceira causa de morte tralo cancro e as enfermidades cardiovasculares. Sen embargo, en só unha década podería situarse por delate de ambas as dúas patoloxías e converterse na enfermidade de maior morbimortalidade.

Así o anunciou onte xoves en conferencia de prensa o profesor Manuel Martínez-Lage, neurólogo da Clínica Navarra e membro do comité científico da Confederación Española de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (CEAFA), durante a presentación dos actos do Día Mundial do Alzheimer, o próximo 21 de setembro, auspiciado pola Organización Mundial da Saúde.

O volume de enfermos converterá pois ó Alzheimer, se non se inviste a tendencia. Na actualidade calcúlase que en España hai entre 500.000 e un millón de afectados por esta enfermidade dexenerativa, diagnosticados ou non. "Õs 85 anos, a posibilidade de padecer Alzheimer é unha de dúas", explicou o profesor. Neste sentido e dado o progresivo envellecemento, da poboación e a maior esperanza de vida, a advertencia é lóxica.

"A proporción de persoas que terán 85 anos nos próximos dez ou quince vai aumentar de maneira espectacular", engadiu Martínez-Lage, quen non considera esaxerado afirmar que, se a ciencia non o remedia, en 2050 haberá en España entre 1.500.000 e 3.000.000 de enfermos, unhas cifras ó seu xuízo "incompatibles cunha ecoloxía social equilibrada".

 

CUSTOS

A enfermidade de Alzheimer ten elevados custos sanitarios e sociais. "O coidado informal en fogares nun piar da atención ós discapacitados, pero é invisible", advertiu María José Domingo, psicóloga e membro de CEAFA. Neste sentido, a organización prepara unhas xornadas nacionais sobre "O custo da enfermidade de Alzheimer", cuxas conclusións presentaranse o 18 de setembro. Os datos do estudio obteranse de cuestionarios enviados ás diferentes asociacións de familiares de enfermos.

A carga do Alzheimer é psicólogica e economicamente brutal para os coidardores, no 90% dos casos membros da familia e, a maioría das veces, mulleres. "Calcúlase que un familiar dedica 76 horas á semana ó coidado do enfermos. Se calculamos un mínimo de 6 euros a hora, obteremos o custo", convida Nekane Larrañaga, traballadora social e membro de CEAFA.

Estudios anteriores estableceron que o custo sanitario é relativamente baixo en comparanza co custo social: o tratamento farmacolóxico supón ó ano 1.803 euros por paciente e o diagnóstico da enfermidade preto de 1.502 euros, ó que habería que sumar os posibles ingresos hospitalarios e o seguimento da patoloxía.

Sen embargo, os custos sociais son asumidos polas familias, ás que se calculan uns gastos informais que representan o 88.4% do total dos custos sociais. A atención a un enfermo de Alzheimer en condicións óptimas de vida oscila entre 1.500 e 2.400 euros ó mes.

"O Alzheimer é un problema eminentemente social, non sanitario", asegurou o profesor Martínez-Lage. "O coidador, tras tres ou catro anos facéndose cargo, é unha persoa enferma, con síntomas físicos (como dores de cabeza ou malestar intestinal) e psíquicos (depresión, desacougo etc)", engadiu.

Pola súa parte, a presidenta de CEAFA, María Angeles Díaz, referiuse a posibles programas de axuda para o Alzheimer por parte do Goberno, asegurando que hai "moitas promesas pero poucos feitos". Neste sentido tamén opinou que tralas transferencias das competencias sanitarias ás CCAA, "non sería adecuado" falar dun Plan Nacional do Alzheimer, pero denunciou grandes diferencias segundo a autonomía na que se atope o enfermo. "Hoxe día non é igual ter Alzheimer no País Vasco que en Andalucía, e queremos que esas axudas sexan iguais, porque as necesidades son as mesmas", concluíu.